Tuesday 21 de May de 2024

Medio Ambiente recorda que as e os propietarios de terreos da rede secundaria de faixas dispoñen de prazo até o 31 de xullo para limpalos


 

Desde a Xunta ampliaron o prazo, que será exactamente o resultado de sumar os días de confinamento transcorridos até que se publique a resolución de Medio Rural desde o 30 de maio, que era a data habitual para finalizar estas tarefas. En todo caso, as parcelas deberán estar listas antes de que remate xullo

A Concellería de Medio Ambiente recórdalles ás e aos
titulares das parcelas incluídas na rede secundaria de faixas de xestión da biomasa do
Concello da Coruña, así como ás persoas propietarias dos correspondentes dereitos de
aproveitamento, a obriga que teñen de rozar e retirar a biomasa vexetal e de cortar as
especies arbóreas que están prohibidas, entre elas, os piñeiros, os eucaliptos e as acacias,
antes do 31 de xullo. O prazo para finalizar estas tarefas será o resultado de sumar os días
transcorridos de confinamento até a data en que se publique a resolución correspondente
desde a Consellería de Medio Rural desde o 30 de maio, que era a data tope habitual. En
todo caso, os traballos de limpeza terán que executarse antes de que acabe o mes de xullo.
Desde Medio Ambiente, lembran que esta actividade de prevención e loita contra os
incendios forestais entra dentro das que se consideran esenciais neste estado de alarma e
ten un innegable interese xeral, polo que, a través do decreto asinado pola concelleira
delegada de Medio Ambiente, Esther Fontán, o 21 de abril, declaráronse os procedementos
administrativos para tal fin, enmarcados dentro da campaña anual de prevención de
incendios.

Están consideradas da rede secundaria de faixas as franxas que están a 50 metros
perimetrais de solo urbano e que son de núcleo rural e urbanizable (franxa definida no Plan
municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais da Coruña, publicado no
BOP no 60, do 14 de abril) e as que se atopan a esta mesma distancia de edificacións e
vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e
instalacións industriais. Por último, tamén se recollen dentro desta categoría os terreos que
se encontran nun perímetro de 50 metros de construcións illadas en solo rústico.
O incumprimento das ditas obrigas implicará a tramitación do procedemento
correspondente, segundo o que dispoñen a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e
defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo
de Galicia. Neste sentido, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asegura que “o
ano pasado, o grao de cumprimento destas tarefas foi moi elevado, polo que esperamos
que nesta campaña tamén o sexa. Non debemos descoidar estes traballos, posto que a
media de incendios é de 13 por ano, cunha media de superficie total queimada de 11
hectáreas de 2008 a 2018”.